
Ódiome. Moito. Elixindo xogadores igual non acerto moito, pero predicindo as miñas desgrazas son un crack. Vaise acelerando o meu descenso aos infernos: se a xornada anterior perdera 10 postos, cos 17 desta xa quedo 29º da xeral. Green afundiume cando o quitei e outra vez agora que o recuperei —entrou no sitio de Blazic que fixo 24—. Volvo perder puntos nos cambios —5, e iso que cos outros dous que metín xuntei os catro pivotes máis valorados da xornada— e nin sequera cheguei á bicentena: 199.8. Por verlle o lado positivo, a miña distancia en puntos co primeiro non é grande e apenas mudou —estou a case 33, cun San Emeterio tería abondado—. Xa asinaba eu atoparme no Top 30 a estas alturas.
Así lle foi á selección:
Doncic (25.2) |
Granger (3.6) |
Sergi García (-) |
Heurtel (8.4) |
Cook (0) |
Campazzo (6) |
Green (8.4) |
Ponitka (34.8) |
Neal (22) |
Thomas (11) |
Sanders (10.8) |
Mumbrú (10) |
Beaubois (4.8) |
Vidal (11) |
Timma (4.8) |
Oleson (14.4) |
Richotti (15.6) |
Norel (27.6) |
Shengelia (27.6) |
Thompson (9.6) |
Pleiss (22.8) |
Tobey (10.8) |
Reyes (22.8) |
Seraphin (8.4) |
Huskic (12) |
Doncic |
Heurtel |
Huertas |
Oliver |
Fisher |
J. Fernández |
Neal |
San Emeterio |
Green |
Ponitka |
Thomas |
Popovic |
Blazic |
Eriksson |
Norel |
Shengelia |
Pleiss |
Séraphin |
Reyes |
Jordan |
Tavares |
Varnado |
Balvin |
No primeiro banzo só vai Doncic. Ten que estar e está en calquera equipo con aspiracións. Non hai moito que dicir. A partir de aquí xa se abre todo.
No segundo vén Heurtel. Inda que nas últimas xornadas a súa importancia no Barça semella ter descendido, na casa nunca baixou do 16.8 de valoración e ten unha media de 23. Ademais, véñenlle dúas xornadas seguidas no Palau. Semella unha elección fiábel para dous partidos. Pola súa banda, Marcelinho está a medrar en importancia no Baskonia e parece que xa adiantou a Granger na rotación. O Bilbao Basket non é dos mellores defendendo os bases —Fisher a semana pasada saíuse e tamén superaron a vintena contra eles Heurtel, Doncic, Bassas e Rupnik— e entra en xogo o factor ex: foi na súa tempada en La Casilla onde a carreira do paulistano comezou a despuntar. O pero que ten é que a semana seguinte enfróntase á mellor defensa dos bases: Andorra.
No terceiro temos unha boa opción de bandeira en Oliver. O base catalán segue a ser moi fiábel na casa (só baixou de 10 contra a Penya —9.6— e ten unha media de case 18). O rival é o Burgos, un dos equipos que máis reciben dos bases. Coa baixa de McKissic no xogo exterior —e a dúbida de Rabaseda— é posíbel que rasque algún minuto extra. O problema é a semana que vén, xoga fóra da casa —a súa media baixa á metade—, en Barcelona. Contra Albert, tamén no terceiro, xoga un Corey Fisher á alza —cada vez con máis importancia no San Pablo— que é o caso contrario a Oliver: fóra da casa triplica a súa valoración —vén de superar a trintena en Bilbao—. A semana seguinte volve a Burgos, mais contra unha das defensas que máis conceden dos bases: a do Fuenlabrada.
No cuarto e último banzo temos a Jaime Fernández. Nas últimas xornadas está a acadar unha considerábel regularidade —os 5 últimos partidos con 12 ou máis de valoración—. Mais xoga fóra, onde a súa media descende máis de 6 puntos, e ademais faino en Donosti, onde o GBC é a mellor defensa dos bases. Entra polo seu bo momento, mais non semella a mellor semana para levalo.
Como opcións de risco, que evitaría en equipos da xeral, Granger, que como dicía está a perder protagonismo en favor de Huertas, pero poucos equipos máis propicios que o Bilbao terá para renacer, e o Facu Campazzo, tamén en horas baixas. Pero enfrontarase ao seu equipo das últimas tempadas: Murcia, que tampouco destaca pola súa defensa dos bases.
Abre este primeiro chanzo Neal. O norteamericano xa está readaptado á ACB, é o xefe do Zaragoza, a á máis valorada do momento —en 5 das 6 últimas xornadas superou os 20— e o rival tanto lle ten —Unicaja é esta vez—. Non hai motivo para dubidar del. Vai camiño de converterse en fixo como Doncic, Norel ou Shengelia.
San Emeterio ben merece que fale del á parte. É a estrela de semana. Sumou 50.4 —42 de valoración— e disparou na xeral a aqueles que confiaron nel. Sastre anda lesionado, en consecuencia debe de asegurar minutos e nesta xornada da Euroliga —outra derrota máis— volveu valorar moi ben: 19. Hai máis motivos para ir con el: precisa unha valoración antoinewrightiana para non dar uns bos cartos, enfróntase a unha das peores defensas das ás, a do Estudiantes, e é unha das cobizadas bandeiras esta xornada na que os bases non ofrecen tan boas opcións. Porén, no SuperManager, Fernando gañou a pulso o sobrenome de San Cemiterio. Decidas o que decidas, alí vas rematar pola súa culpa. Poden pasar dúas cousas: que digas «non vou volver picar con San Cemiterio», nese caso petarano outra vez e ficharalo a semana seguinte —e agradeceracho cun negativo—, ou que, vencendo unha vez máis todos os prexuízos que acumulaches contra el durante estes anos, penses «algunha vez me ten que saír ben» e San Cemiterio engrandeza a súa lenda cunha valoración lamentábel. Decidas o que decidas, o campo santo espérate.
Neste primeiro banzo tamén vai o seu compañeiro Green —inda que a semana pasada non chegara á decena—. Contra as peores defensas das ás, e a do Estudiantes é unha delas, ten unha media de 29. Falla moi pouco e nunca dúas semanas seguidas. Complétao Ponitka. O polaco é fiabilidade pura —só dúas veces por baixo da decena, e unha foi no debut—. Podíase dubidar del porque ten por diante dous partidos duros —Barça e Unicaja—, mais o Barcelona é dos equipos que máis valoración están a conceder no 3 —a lista de ás que superaron a vintena contra os culés esta tempada é longa—. Vexo un risco innecesario pensar na súa saída, agás por aperturas de orzamento.
No segundo banzo tamén hai grandes opcións esta xornada. Matt Thomas, tras dous partidos por debaixo do seu nivel, enfróntase á peor defensa dos treses. Contra as peores defensas está en máis de 26 de media. ¿Momento de superar os 30 en ACB? Iso si, a semana que vén enfróntase ao Madrid. Mellor próxima xornada ten Popovic, que se medirá ao San Pablo Burgos despois de recibir á Penya. O veterano croata está no mellor momento da tempada e na casa inda non fallou —a súa peor valoración no Fernando Martín é un 14.4 na xornada inaugural—. Tampouco pinta mal para Blazic. Se o GBC é a mellor defensa tanto de bases como de pivotes na casa, nas ás está entre as peores. O esloveno está a render moi ben contra as defensas menos esixentes, así que debería volver valorar con xenerosidade. A semana que vén enfróntase ao seu ex: Baskonia. Pecha este segundo e último banzo Eriksson. O sueco rende moito mellor na casa, a marcha do McKissic daralle máis minutos —que xa aproveitou no partido europeo— e a do Burgos non é a peor defensa á que se enfrontar. A semana que vén sae das illas, para medirse ao seu Barça.
Creo que non paga a pena saírse destas oito opcións tan gorentosas. Mais aí levades unha opción para cazaxornadas: Eyenga. Apuntaba a fixo tras os primeiros catro partidos; dende entón, media de 5 e só pasou unha vez de 10. Porén, segue a xogar moitos minutos e terá motivación extra polo rival: a Penya, equipo ao que chegou con 18 anos dende a RDC e no que xogou ata que foi reclamado pola NBA —no feche patronal da liga norteamericana regresou a Badalona—.
Primeiro chanzo: Norel e Shengelia. Fixos. Pleiss, mentres non se recupere Dubi, tamén semella unha opción preferente. Xoga por riba dos 30 minutos e vén dun 23 e dun 22.8.
Segundo nivel. Aquí as cousas complícanse. O cuarto pivote vai ser unha das chaves da xornada. A miña primeira opción é Séraphin. É o perfil de xogador que máis problemas lle pode dar ao xogo interior do Canarias. Volve ao Palau, onde rende moito mellor que fóra, e tamén repite a semana seguinte na casa contra o outro equipo canario. Nos dous últimos partidos en Barcelona sumou 21.6 e 20 e vén xogando por riba dos 20 minutos. As dúbidas con Reyes chegan polo tempo de xogo do que vaia dispoñer. O certo é que na casa adoita ter máis minutos —4 máis por partido— e en consecuencia valora máis —sae a case un punto por minuto—. Esta xornada non é que na Euroliga se esgotase demasiado —estivo 15 minutos en pista—, así que non creo que estea menos dun cuarto de hora en xogo —o que debería abondar para que valore ben—. Todos os partidos nos que xogou menos de 15 minutos foron lonxe do Palacio. Jordan. A semana pasada rexurdiu un pouco e os seus minutos están asegurados. O ano pasado fixo un 16 en Fuenlabrada, que non estaría nada mal nesta xornada. O mellor é que despois ten dous partidos na casa nos que debería regresar á vintena. Tavares terá minutos seguro, é unha opción barata, conta como cota e debería dar bos cartos —con 11 e vitoria do Madrid subiría o 15%—.
No último banzo son opcións só para esta xornada. Varnado, sen dar grandes picos, é moi fiábel na casa, con case 18.5 por partido, fronte aos apenas 7 de fóra. O seu peor partido en Zaragoza foi o 15 da xornada anterior contra o Barça. Contra Unicaja cabería esperar un 15-20 pola súa parte. Gústame tamén para esta semana Balvin. Vén dun gran partido de local en Europa e o último que xogou en ACB nas illas tamén o fixo ben. A do San Pablo é a defensa interior que concede máis puntos. Despois visita o Barça.
Inda que é bastante levado esta semana por se enfrontar ao Betis, colista e sen vitorias, non incluín a Pustovyi. Non me gusta levalo fóra da casa. Só acadou unha vez a vintena —a semana pasada— e promedia oito puntos menos que no Fontes do Sar. A iso hai que sumarlle que, inda que pareza o contrario —porque si é un desastre na defensa de bases e ás—, o Betis é dos equipos que menos puntos encaixa dos pivotes en Sevilla. De feito, alí só superou Caner-Medley a vintena no que va de tempada. A semana que vén enfróntase ao Madrid en Santiago.
Para Andrómenas o obxectivo do Top 1000 está cada vez máis lonxe. Cos 194.8 desta semana volvo descender ata o 1745º.
Como esta semana xa xustifiquei a selección, non fai falla que me estenda nos cambios. Saen Granger e Cook nos bases para dar entrada a Heurtel e Oliver. Nas ás sae Vidal e entra San Cemiterio —polo menos darame uns cartiños—. Quedo con Thomas á espera dese pico e poder cambialo a semana que vén por Neal.