
Balance da quinta xornada
A quinta foi a mellor xornada do que vai de tempada —e probabelmente do que resta—para os meus equipos. O meu mellor non só aguanta unha semana máis aí arriba, senón que ascende ata o 2º da xeral! Xa estaba abraiado co 18º, canto máis agora. Subín eses 16 postos grazas aos 239 puntos que meteron o equipo por segunda vez este ano entre os 100 mellores da xornada. Supero o millar de puntos acumulados —1064— cunha media de 212 e 12.16 millóns de broker. A chave desta subida está no feito que apuntaba a semana pasada —e que tanto me preocupaba—: non gastei os tres cambios. Acertei cun dos que metín, si, Blazic —que estaba en menos do 10% dos equipos—, mais o importante foi manter a algúns dos que xa estaban, en especial a Eriksson e Pustovyi que viñan de malas actuacións. Témome que saíron —sobre todo o sueco— duns cantos dos equipos que estaban arriba, que ademais habían de ter outros xogadores que eran boa opción mais fallaron, como Eyenga ou Báez. Ambos estaban na miña selección da semana pasada, porén, non entraron en ningún dos meus mellores equipos. O azar xoga un papel fundamental. A esa selección foille así:
Bases
Doncic (31.2/+14.8)
Heurtel (16/+15)
Granger (21.6/+4.8)
Cook (6/+15)
Rupnik (0/+1.4)
Oliver (9.6/+15)
ÁS
Green (4.8/+15%)
Ponitka (26.4/+15)
Eyenga (6/+0.3%)
Blazic (23/+15)
Thomas (28.8/+15)
Cruz (22.8/+15)
Eriksson (33.6/+15)
Causeur (3.6/+15)
Ribas (6/+15)
Pivotes
Norel (24/+15)
Pustovyi (24/+8.7)
Shengelia (39.6/+15)
Tomic (11/+13.4)
Oriola (11/+15)
Tobey (1.2/-2.7)
O’Leary (15.6/+15)
Báez (3.6/+0.2)
Diop (8.4/+15)
Elixira poucas opcións baratas —acertei con Blazic e Cruz e fallei con Rupnik— e os caros que metín fixérono case todos ben —como a semana pasada co de Norel, o 4.8 de Green é anecdótico e non marca diferenzas, está en todos os equipos—. Non hai moito que dicir. Saíu tan ben como podía.
A selección da sexta xornada
Cada xornada estades a chegar novas persoas a estes artigos, supoño que debido ao reclamo da boa clasificación actual. No artigo previo ao comezo do xogo explico de que van estas seleccións, pero vouno repetir para as que ides chegando. Trala —durante, en verdade— análise da xornada, de mirar moitos números, tendencias, calendarios e todas esas cousas que explico alí, fago unhas listaxes por posicións cos xogadores que me parecen máis interesantes para a xornada, ordenados de maior a menor. Ademais, distribúoos en banzos de lonxitude variábel. O xogador de abaixo respecto ao de arriba nun mesmo banzo ten unha diferenza menor que o último dun chanzo e o primeiro do seguinte. Por exemplo, a semana pasada Granger parecíame un pouco peor opción que Heurtel —porque este tiña unha mellor perspectiva de broker— pero moito máis recomendábel que Cook, o primeiro do seguinte banzo. Esa é a maneira na que hai que ler estas listaxes.
Sendo franco, non teño coñecementos abondo para dar consellos sobre que xogadores levar. Que este ano lle vaia ben, polo de agora, a un dos meus equipos é algo conxuntural. Deixo a miña selección por se vos serve de algo. É a mesma que utilizo para facer os meus cambios en todos os equipos, incluído ese que vai segundo da xeral —o equipo inicial e todas as substitucións que me levaron ata aí saíron destas listaxes públicas—.
Bases
Doncic
Granger
Campazzo
Heurtel
Tabu
McCallum
Cook
Chery
ÁS
Ponitka
Green
Blazic
Cruz
Beaubois
Eriksson
Eyenga
Abalde
Pivotes
Norel
Shengelia
Jordan
Abromaitis
Oriola
Brooks
O’Leary
Tomic
O equipo do blog
Con Andrómenas as cousas tamén foron moi ben, inda que non tanto como no mellor —porque non tiña cartos abondo para meter a Pustovyi—. Cos dous cambios que introducín só gañei 15 puntos. De feito, sumei 17 co cambio de Blazic por Ribas e restei dous co cambio de Oriola por Brooks. Ao igual que no meu mellor, o acerto foi manter a Eriksson e algún outro e evitar os que non cumpriron as perspectivas. Rematei con 224 puntos —714º da xornada— que deixan o obxectivo do Top 1000 moi preto: 1068 da xeral —suba de case 1600 postos—. A escalada está a ser constante dende ese 18 mil inicial —cunha baixada pequena hai dúas semanas—. Co broker sigo atrasado: 11.63 millóns —case medio millón menos que o meu mellor equipo, o que supón ter que poñer un xogador medio no canto dunha primeira espada: Diop en vez de Pustovyi—. Estou máis que contento con como están a ir as cousas para este equipo.
As ás non as vou tocar, os catro que tiña seguen a ser boas opcións. Nos pivotes, chegou o momento de desfacerme de Diop. A mellor opción para substituílo paréceme Jordan. É o xogador máis importante da Penya, xoga no Olímpic —onde adoita subir as súas prestacións— e enfróntase á defensa interior que concede máis valoración fóra da casa: a do Betis. Precisa pouco máis de 15 para subir todo; vexo moi factíbel esa suba.
Para facerlle sitio a Jordan, preciso aforrar cartiños nos bases. Doncic é fixo, co que tería que vender cando menos un dos outros dous: Heurtel e Cook. A saída do montenegrino de Brooklyn non me deixaría moitas opcións: só Kenny Chery dentro da listaxe —dáme boas sensacións para esta xornada, mais é un xogador moi irregular e semella un risco alto de máis en fase de acumulación de broker—. Así que toca vender a Heurtel. Podería meter a Tabu do mesmo banzo, que me parece un pouco peor opción que o francés, ou a Campazzo, máis barato e recomendábel segundo a miña análise —creo que terá bastantes minutos, iso contra o Burgos debería de significar boa valoración, e ao combinalo con Doncic aumento as opcións de que o que non sume un poida absorbelo o outro—. Quédame un pouco en caixa para ir a por McCallum, que vén de dúas moi boas valoracións en ACB —21.6 e 20—, xoga na casa, enfróntase a Cook e só precisa 11 para subir todo. Como contrapartida, tivo dúas valoracións discretas nas derrotas desta semana na Euroliga, mais foi contra rivais de moita entidade.
Se pensase só no broker, había opcións máis seguras. Inda co atraso respecto a outros equipos que levo en temas monetarios, creo que vou chegar sen problemas a un orzamento óptimo —que me permita fichar sen ter en conta o prezo dos xogadores— ao remate desta fase de acumulación —non se debería estender alén da 8ª xornada—. Prefiro elixir xogadores que creo que teñen opcións de facer moi boa xornada e que nese caso darían tamén esa revalorización; polo de agora está a dar resultados. É un risco leve, dos que me podo permitir. Para que quede constancia escrita, esta vez estiven preto de tirarme á piscina e meter a Granger —paréceme a mellor opción da xornada nos bases tras Luka— e Chery, na clásica arroutada que materializaría o meu eu de tempadas anteriores —así lle foi—. A ver se fixen ben contendo o impulso.
Estes serán os cambios, a menos que haxa novidades de última hora —que Doncic non viaxe a Burgos, supoño que nese caso xa se sabería, ou que Norel cause baixa polos problemas físicos que arrastra; a miña impresión é que xogan ambos os dous e polo tanto deben de estar nos equipos—.